Flipboard, a popular aplicación para dispositivos móbiles que constrúe revistas persoais virtuais en base a contidos achegados da Internet (tanto dos medios que elixa o usuario como dos contidos que comparten os seus amigos nas redes sociais) chegou hoxe a Windows 8.1, aproveitando as características deste sistema operativo, podendo facer uso das baldosas activas do menú de inicio e soportando os modos de pantalla partida (para poder empregarse simultaneamente con outras aplicacións), á vez que conserva as prestacións propias doutras versións desta aplicación tan atractiva como práctica.
A nova aplicación pode instalarse directamente dende a Tenda de Windows 8.1, permite colocar no menú de inicio revistas ou seccións de xeito independente para axilizar o seu acceso, pode controlarse tanto co rato como con xestos táctiles, facilita o acceso a contidos recomendados a través de distintas categorías, inclúe 18 edicións locais (entre as que hai unha de España) e, ao parecer, será o preludio do salto de Flipboard a Windows Phone 8, de xeito que esta ferramenta estará dispoñible nas principais plataformas móbiles actuais.
Vídeo de presentación de Flipboard para Windows 8.1

