A vindeira semana, máis en concreto o 25 de novembro, na compostelá Cidade da Cultura terá lugar o coloquio O apoio de TVE á creación de series de animación infantil, no que participará o experto en novas tecnoloxías e director de Clan (canle infantil da TVE), Yago Fandiño. Cómpre dicir que este encontro -ao que tamén asistirán os produtores do sector audiovisual galego- está inserido na sección Fórum do MICAtlántica (Mercado das Industrias Culturais Atlánticas), que se desenvolverá do 23 ao 26 de novembro e está organizado polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG).
MICAtlántica está organizado asemade pola Xunta de Galicia e a Secretaría de Cultura da Presidencia da Nación Arxentina. Trátase do primeiro encontro entre empresarios arxentinos, españois e portugueses a través de Galicia, co obxectivo de desenvolver as industrias culturais destes territorios e contribuír ao intercambio e ao crecemento dos seus bens e servizos culturais.
E indo ao miolo desta nova, o coloquio no que particpa Yago Fandiño será presentado polo presidente do CLAG -Andrés Barbé- e moderado por Chelo Loureiro (Abano Producións).
E achegándonos un pouco á figura de Yago Fandiño, cómpre dicir que estamos perante o director da canle Clan (TVE) dende finais de 2012, é o responsable da programación infantil da TVE e está á fronte tamén dos contidos interactivos na área infantil. É preciso subliñar que Fandiño sempre estivo vinculado ás novas tecnoloxías de comunicación, e máis concretamente á comunicación e ao lecer infantil. Este xornalista de formación conta cunha ampla experiencia en proxectos integrados Web/Tv. Posúe numerosos recoñecementos ó seu labor, entre eles: os premios ATR Asturies 2011, pola aplicación Clan para smartphones; premio do xurado Chavales á mellor web infantil 2010; Premio Andaluna 2009 de Promoción dos Dereitos da Infancia e 2005 Best Children Website, MetrixLab. Yago Fandiño representou aos Broadcasters públicos europeos en encontros sectoriais
en Corea e participa regularmente en mesas redondas e encontros profesionais.
Engadir, por último, que a participación a este foro está aberta a profesionais e público en xeral, sendo a asistencia libre ata completar aforo.
Yago Fandiño, director de Clan TV e experto en novas tecnoloxías, participará nun coloquio no Gaiás
Compartir Este Artigo
