
Segundo engaden fontes do centro tecnolóxico emprazado en Vigo, o envellecemento activo e saudable é un gran desafío social común a todos os países europeos, e unha área cun potencial considerable para que a UE e a súa contorna lideren o mundo en ofrecer respostas innovadoras. O EIP-AHA, de feito, foi lanzado co obxectivo de incrementar a calidade de vida das persoas de idade de cara ao 2020, xerándose ao seu abeiro accións concretas de capacitación de cidadáns da UE, de sustentabilidade e de eficiencia dos sistemas sociais e de saúde, fornecéndose a maiores novas oportunidades de negocio.
Esta iniciativa inclúe seis grupos de accións específicas que abordan cuestións como a prevención de caídas, a prescrición e a adhesión ao tratamento, ademais da decadencia funcional e a fraxilidade.
Gradiant participa no Grupo de Acción A2 de Prevención de Caídas. Cómpre lembrar, sinalan os investigadores do centro galego, “que as caídas son a causa principal de lesións entre as persoas maiores e representan aproximadamente un terzo dos accidentes mortais nese rango de poboación”. Neste senso, o Grupo de Acción A2 de Prevención de Caídas ten como obxectivo promover a innovación, e estimular e facilitar o desenvolvemento de programas de prevención. Enfócase tamén cara a apoiar e convocar a tódolos interesados no proceso de desenvolver, producir e distribuír políticas e ferramentas para programas de prevención que amplíen e melloren a prestación de servizos.
Gradiant, elemento activo na estratexia europea de innovación para o envellecemento saudable
Compartir Este Artigo
