A Universidade de Vigo está a recibir un importante pulo internacional a través da platafomra StudyPortals. Trátase dun servizo web, a xeito de rede social, no que estudantes estranxeiros intercambian experiencias e opinións sobre os seus destinos académicos, ao tempo que se lles achega a importante posibilidade de buscar e seleccionar os seus estudos superiores europeos. Pois ben, segundo indican fontes da UVigo, as valoracións positivas que se fornecen no portal sobre a institución educativa galega, presente tamén en Pontevedra e Ourense, constitúen unha corrente continua. Este fluxo serviulle á Universidade de Vigo para recibir o certificado de Excelente, “o que significa que os estudantes internacionais que o pasado ano cursaron parte dos seus estudos en algún dos tres campus da Universidade a puntuaron entre o 9 e o 10”, infórmase.
En total participaron na enquisa que desenvolven os responsables da dita plataforma web internacional máis de 17.000 alumnos e alumnas que, ademais de valorar as súas universidades de destino, explican como foi a súa estadía e cales consideran que as súas características máis positivas. No caso da Universidade de Vigo saliéntanse cousas como o feito de que Vigo, Ourense e Pontevedra sexan cidades baratas, teñan boa oferta cultural e paisaxística ou, xa nun plano máis académico, destácanse a implicación e capacidade dos docentes, as facilidades que a institución lles ofrece ao chegar, a alta integración na comunidade universitaria, a hospitalidade e a amabilidade, entre outras cousas
Con todas estas opinións e respostas StudyPortals elaborou un ránking de universidades por cada país participante. No caso de España, as primeiras clasificadas foron Granada, Salamanca e Zaragoza, seguidas das cualificadas como excelentes Politécnica de Valencia, Sevilla, Vigo, Las Palmas, Murcia e Santiago de Compostela. Nesta páxina están presentes 1225 universidades de 40 países que acadan 2,5 millóns de visitas de estudantes cada mes.
O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, explica que “estamos moi orgullosos porque, a diferenza doutras clasificacións que valoran o traballo da Universidade cara ao exterior en aspectos como a investigación, a transferencia de coñecemento ou a excelencia académica, este listaxe premia a visión que teñen os estudantes de todo o mundo sobre a nosa Universidade”.
Os usuarios da plataforma web StudyPortals cualifican de excelente a Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo
