
Equipos de alumnado de ESO e Bacharelato de toda Galicia terán do 30 de novembro ao 12 de decembro para facer un videoxogo en galego, mellor con humor. Este é o reto da game jam escolar Píxeles con retranca, convocada novamente pola Fundación Carlos Casares.
Haberá vales de 300, 200 e 100 euros para libros e material escolar, diplomas para todos os equipos e un sorteo de 15 chaves de Steam de videoxogos galegos.
A iniciativa forma parte do proxecto Dende o galego, con humor, que busca dinamizar o uso do galego entre a mocidade a través do humor e das linguaxes que usa no seu día a día.
O prazo para presentar achegas será do 30 de novembro ao 12 de decembro de 2026, ás 23:59. Poderán participar equipos de ata 6 persoas, sen que sexa precisa experiencia propia, e admitíndose xogos feitos con Scratch e con calquera outro motor.
A jam é posible grazas ao patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e da Deputación de Pontevedra.
Segundo explican dende a Fundación Carlos Casares, “unha game jam é un reto no que os equipos teñen poucos días para facer un videoxogo”. Nesta en concreto, o alumnado de ESO e Bacharelato de calquera centro de Galicia terán preto de dúas semanas para crear, en equipos de ata 6 persoas, un videoxogo en galego. Pode ser novo ou unha versión mellorada dun xogo comezado con anterioridade.
O obxectivo é que a mocidade use o galego nun eido que forma parte do seu lecer e da súa cultura, o do videoxogo, e que o faga con humor e retranca, na liña da obra de Carlos Casares.
A organización propón un tema opcional, Trebellos estrafalarios, relacionado coa saga de Toribio: un invento absurdo que forme parte da mecánica do xogo e que teña un nome estrambótico. “Non é obrigatorio seguilo, pero dá ata 5 puntos extra”, sinalan dende a organización.

A inscrición é de balde e está aberta ata o 12 de decembro. Ten dous pasos: unirse á jam na súa páxina de itch.io, a plataforma na que se entregan os xogos, e enviar a info@fundacioncarloscasares.org a folla de inscrición co asunto “Píxeles con Retranca”. A folla levará os nomes do alumnado e o centro, e ten que asinala un docente ou o pai, a nai ou o titor/a dun membro do equipo.
Un xurado de entre tres e cinco persoas expertas en videoxogos e profesorado valorará a narrativa e o uso do galego, a arte e o son, a xogabilidade, e a orixinalidade e o humor. O fallo darase a coñecer antes do 17 de decembro en itch.io e na web da Fundación.
Como dixemos, os tres mellores xogos recibirán vales de 300, 200 e 100 euros para mercar libros e material escolar. O importe repártese en vales, un para cada membro do equipo, nunha librería que escolle a persoa que asina a inscrición, para apoiar así o comercio cultural local. Cada membro dos equipos premiados recibirá tamén un diploma.
Ademais, todos os equipos inscritos recibirán un diploma de participación e, entre as persoas dos equipos que entreguen xogo, sortearanse 15 chaves de Steam de videoxogos galegos, coa colaboración da Asociación Videoxogo.gal. Os xogos difundiranse en itch.io, na web e nas redes da Fundación, que conservará unha copia no seu arquivo.

