
Lembrar que este centro recibirá en Bruxelas o primeiro premio científico do Virtual Science Hub (ViSH) grazas en parte ao devandito proxecto. De feito, o IES David Buján obtivo o primeiro absoluto e máis o primeiro premio na categoría de Estudos Medioambientais a través da iniciativa Guía de identificación de minerais mediante códigos QR. Nesta experiencia participan alumnos de segundo de bacharelato da materia de Xeoloxía do devandito centro, e eles mesmos serán os encargados de recoller o galardón en Bruxelas durante este mes de xaneiro. Na competición, a plataforma científica ViSH quixo recoñecer os valores das iniciativas reflectidas no seu portal. Ao certame presentáronse varios centros de ensino, investigación e divulgación de toda Europa. Respecto á proposta galega, tívose en conta o seu potencial para abrir portas á investigación, crear vocacións e quitarlle ferro a actividades como o estudo dos minerais. Buscouse que os rapaces adquirisen coñecementos para a identificación de minerais atendendo ás súas propiedades físicas e químicas “e seguindo o guión de prácticas de ViSH no móbil á vez que se empregaba como guía de materiais con indicación das características xerais e localización xeográfica”. Asemade, o proxecto tirou proveito dos códigos QR, incrementando a competencia tecnolóxica dos participantes.
Volvendo a convocatoria de educaBarrié, dicir que amais das iniciativas levadas a cabo dende o IES de Cambre, elixiuse un proxecto web (Fala Londres) para a dinamización educativa e cultural en galego desenvolvido polo IES Vicente Cañada Blanch, de Londres. A maiores, escolmouse unha achega de integración social achegada polo CIFPA Xunqueira (Pontevedra) a través da adaptación de xoguetes e aparellos electrónicos para os colectivos que acubilla Amencer-ASPACE.
Igualmente escolleuse Construíndo a cultura do pensamento eficaz, do CPR San Xosé de Pontedeume, unha experiencia de integración da intelixencia emocional en tódolos cursos do dito centro. Outro dos proxectos elixidos foi Tralas pegadas de Díaz de Castro, un roteiro interactivo pola poesía, o lugar e a persoa, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (Lugo), iniciativa desenvolvida en colaboración coa Asociación Cultural Xermolos e o Grupo de Investigación de Pedagoxía da Universidade da Coruña.
A plataforma educaBarrié financiará con 24.000 euros cinco proxectos innovadores dos nosos centros docentes
Compartir Este Artigo
