Tras 10 anos de actividade, o servizo de acceso remoto a equipos informáticos LogMeIn simplifica o seu catálogo de produtos, eliminando a súa modalidade de balde, de xeito que a partir de agora será preciso contratar unha das súas modalidades de pagamento (que poden probarse de balde) para poder continuar a facer uso desta solución de acceso remoto que destacaba por contar non só con aplicacións cliente para ordenadores PC e Mac, senón tamén con clientes para iOS e Android (resultando unha atractiva solución para accesos remotos en mobilidade).
Os usuarios das versións premium das aplicacións para Android e iOS (LogMeIn Ignition) recibirán descontos á hora de subscribir as novas modalidades deste servizo que ten que eliminar a súa versión de balde para poder manter a súa calidade.
LogMeIn Pro ofrécese a 79 euros/ano para particulares (ata 2 equipos dende a web, o escritorio e dispositivos móbiles), a 209 euros/ano para usuarios moi activos (ata 5 equipos) e por 379 euros/ano para pequenas empresas (ata 10 equipos).
De todos os xeitos, continúan a existir numerosas alternativas de balde a LogMeIn, como o popular TeamViewer, que tamén goza de grande sona entre administradores de sistemas.
A aplicación LogMeIn elimina a súa versión de balde
Compartir Este Artigo

