A pasada noite estreouse na tenda de aplicacións para Windows Phone 8 a aplicación oficial de Facebook Messenger, o que pode considerarse unha grande nova para o sistema operativo de Microsoft non só por enriquecer a oferta de aplicacións de mensaxería instantánea, senón polo feito de que é a primeira aplicación publicada directamente por Facebook (a aplicación oficial de Facebook é un traballo de Microsoft).
A nova aplicación facilita o acceso ás mensaxes sen ter que abrir a aplicación de Facebook, anima as conversas con adhesivos (stickers), permite enviar fotografías e compartir a posición actual, amosa confirmación cando se len as mensaxes enviadas, presenta o estado dos nosos amigos (para saber cando están conectados para poder interactuar con eles en tempo real) e permite desactivar as notificacións cando non queremos ser molestados; aínda que presenta unha importante eiva fronte as versións para Android e iOS desta ferramenta: carece das funcionalidades de voz que permiten falar de balde a través de conexións de datos.
Queda agora por ver se Facebook relanzará tamén a súa aplicación oficial para Windows Phone, de xeito que así podería manter un desenvolvemento parello ao do resto das plataformas móbiles nesta plataforma que cada día está a gañar máis usuarios.
Facebook Messenger estrea versión para Windows Phone 8
Compartir Este Artigo

