Para facilitar a xestión dos contidos audiovisuais para o seu consumo xurdiron distintas solucións de software entre as que destacaba especialmente XBMC, software do que xurdiu unha variante chamada Plex, dispoñible para múltiples plataformas (Windows, OS X, Linux, iOS, Android, Windows Phone…) que non só fai elegante a navegación pola nosa biblioteca de contidos (amosando portadas e descricións das nosas películas, series de televisión e discos de música), senón que incluso permite facer un seguimento dos contidos reproducidos (para poder continuar unha serie de televisión onde a deixamos), realizar buscas, compartir material cos amigos e acceder a contidos en liña, prestacións moi ben acollidas por moitos usuarios e que vai dar un importante paso para instalarse no salón, pois en poucas semanas está previsto que conte con aplicación oficial para Xbox One.
O normal é instalar un servidor Plex nun ordenador persoal ou nun disco duro en rede de certa potencia, para poder acceder ao material almacenado de xeito remoto dende móbiles, tablets, ordenadores ou outros dispositivos conectados aos que sumarase en breve a última consola doméstica de Microsoft, grazas a que Microsoft vén de autorizar o desenvolvemento dun cliente de Plex para Xbox One, o que será posible grazas a que a compañía de Redmond está a facilitar a creación de aplicacións que poidan correr en Windows Phone 8.1, Windows 8.1 e Xbox One.
Polo momento non dan prazos para o lanzamento desta aplicación, que xa comezou a desenvolverse, pois a Xbox One aínda non lanzou a actualización do firmware da súa consola que permitirá correr aplicacións desenvolvidas coa última versión de Visual Studio.
Plex terá versión para Xbox One
Compartir Este Artigo

