O pasado outono Microsoft publicou na tenda de aplicacións de Windows 8.1 Momentos de filme, unha ferramenta que permite unha sinxela edición de vídeo, no que poder elixir ata 60 segundos destacando os momentos máis importantes con lendas e efectos, á vez que pode engadirse música para ambientar a secuencia, e agora, este sinxelo xeito de crear clips de vídeo que poder gardar ou compartir cos amigos está tamén dispoñible para dispositivos móbiles, pois vén de estrearse a aplicación homónima en Windows Phone 8.1, polo que a creatividade desta ferramenta está agora moito máis accesible aos usuarios de dispositivos e equipos que funcionan con software de Microsoft.
Lista de lectura de Windows
Pero esta non é a única aplicación de Windows 8.1 que dá o salto ao móbil, senón que tamén se estrea para Windows Phone 8.1 Lista de lectura de Windows, unha ferramenta de grande utilidade para cando atopamos contidos do noso interese mentres navegamos pola web e non temos tempo para velos nese momento, de xeito que podemos almacenalos nunha listaxe que consultar posteriormente. Esta nova aplicación non só permite que gardemos artigos e vídeos para ver máis adiante, senón que tamén podemos organizar as referencias almacenadas por categorías e, como grande vantaxe, sincronízase a información almacenada entre os nosos distintos dispositivos (polo que o que atopemos no móbil poderemos logo velo no ordenador e viceversa).
Exclusivas para Windows Phone 8.1
As dúas aplicacións mencionadas está só dispoñibles polo momento para Windows Phone 8.1, ou sexa, que é preciso ter instalada a súa versión preliminar para poder velas antes de que a actualización do sistema operativo móbil de Microsoft sexa oficial o vindeiro verán.

