Nun momento no que as tarifas do subministro eléctrico doméstico son unha grande preocupación entre os cidadáns por mor dos cambios experimentados nas mesmas nas últimas semanas, a compañía coruñesa Cleventy tivo a ben responder a esta demanda creando unha aplicación móbil para Android chemada EcoLuz, que polo momento ofrece un acceso áxil á información principal a xeito de resumo diario (no que se detallan a hora máis barata, a hora máis cara e o prezo medios) así como unha gráfica horaria de prezos.
Esta ferramenta permite consultar os prezos da luz para o día actual e, a partires das 20:30 horas de cada día, permite tamén a consulta dos prezos do día seguinte, aínda que en futuras versións da aplicación enriquecerán a ferramenta con información de grande interese como a posibilidade de visualizar os prezos da luz para os distintos tipos de contrato (normal, tarifa nocturna ou tarifa de coche eléctrico), consultar os custos da luz en días anteriores e comparar prezos, recibir notificacións para evitar esquecer as horas nas que temos que pór a lavadora ou apagar o calefactor eléctrico se queremos un maior aforro, visualizar o prezo actual, configurar un límite de prezo para que na gráfica se destaque cando se supere e poder elixir entre distintos modos de visualización dos gráficos.
Esta aplicación é totalmente de balde, integrando publicidade, e pode resultar de grande utilidade para os consumidores que busquen optimizar o seu consumo eléctrico en función do seu prezo variable en función da hora.
Unha aplicación galega para Android infórmanos dos prezos da luz
Compartir Este Artigo

