A proposta de Microsoft para unificar o desenvolvemento de aplicacións para Windows 8.1, Windows Phone 8.1 e Xbox One parece estar a ter moi boa aceptación, e hoxe vemos como o popular servizo de televisión mediante streaming Zattoo, estrea aplicación para Windows Phone 8.1, creada compartindo código coa aplicación para Windows 8, o que axilizou considerablemente a elaboración desta ferramenta que abre o acceso de máis de 20 canles televisivas no caso español (en países como Suíza chega a superar as 140 canles) entre as que predominan as canles públicas.
A grande vantaxe desta nova aplicación é que supón un importante avance para Zattoo á hora de espallarse a novas plataformas, de xeito que en poucas semanas poderemos gozar dunha aplicación para Xbox One (actualmente Zattoo xa está presente en Xbox 360 e moitas outras plataformas).
A estratexia de Zattoo consiste en estar presente na meirande parte de dispositivos posibles, aos que achegar unha oferta de canles de balde, para popularizar a súa ferramenta e así poder captar usuarios para o seu servizo de pagamente, que ofrece sinais de vídeo de maior calidade (incluíndo a alta definición), elimina a publicidade e facilita a posibilidade de gravar ata 250 programas sen límite de tempo (o que permite non perder nunca o noso programa favorito á vez que poderemos reproducilo cando desexemos).
Zattoo estrea aplicación para Windows Phone 8.1
Compartir Este Artigo

