A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de poñer en marcha unha nova aplicación gratuíta Meteogalicia coa que os cidadáns poderán consultar a información de predición e das redes de observación de Meteogalicia por concellos e para un horizonte de ata 10 días, a través dos seus dispositivos móbiles.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto ao xerente de Proxectos de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da AMTEGA, Pablo Ferreiro Fernández, o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, presentaron a pasada fin de semana esta nova ferramenta ao servizo dos cidadáns, que permite consultar información meteorolóxica desde calquera punto a través do teléfono móbil, “non só permitirá saber se chove ou teremos sol, senón que tamén se poderá consultar o estado do mar, a predición para todas as praias de Galicia e das mareas”.

Estase a traballar para que as vindeiras versións poidan acceder a datos en tempo real das estacións meteorolóxicas de calidade do aire e das boias oceanográficas da Xunta, que aportan información sobre as mareas, así como aos avisos meteorolóxicos por concellos.
A aplicación Meteogalicia nace coa intención de trasladar aos dispositivos móbiles toda a información de predición e das redes de observación de Meteogalicia, xa que nos últimos anos un importante segmento da poboación accede a internet a través dos seus móbiles. A previsión da Xunta é que esta aplicación sexa un referente para a consulta da información meteorolóxica, tal e como o é a páxina web de Meteogalicia, que segue a ser unha das páxinas máis visitadas en Galicia.
Meteogalicia renova as súas aplicacións móbiles
Compartir Este Artigo

