
O acto de entrega presidiuno en San Xerome o reitor Juan Viaño e a el asistiu tamén o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez. Participaron ademais a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta, Pilar García-Rodeja; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; e o director do Programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande.
No que respecta ás ideas recoñecidas, o xurado salientou o potencial de Buy and return, que vén da man de Alejandro Cobelo, de Ciencias Económicas e Empresariais. O proxecto, informou a USC, consiste en incentivar a reciclaxe entre a cidadanía a través dunhas máquinas situadas nos supermercados que, unha vez que se introduza o envase baleiro, devolverán un ticket cunha cantidade de diñeiro para gastar no propio establecemento. A iniciativa promove que o consumidor devolva o envase en perfectas condicións, permitindo así á empresa envasadora un aforro no prezo final do seu produto.
Pola súa banda, Eva Barcala Pérez, procedente da Facultade de Historia, foi tamén recoñecida no certame por ter argallado galiciangarden.com, unha empresa de xestión e divulgación dos xardíns galegos a través dunha plataforma dixital plurilingüe (galego, castelán e inglés). Barcala manifestou que o seu proxecto sería o primeiro en Galicia adicado exclusivamente á difusión e estudo do xardín galego, desenvolvendo novos xeitos de interpretar, conservar e rendibilizar o importante patrimonio xardinístico da nosa terra.
Pola súa parte, o equipo da Universidade da Coruña (UDC) formado por Ricardo Veira, Gabriel Ferreiro, Javier Lamas, Manuel González Penedo, Marcos Ortega, Alberto Ramil e Armando Yáñez deu forma a unha empresa de I+D+i, de nome Versabotic, encamiñada ao desenvolvemento de aplicacións de visión artificial e software offline que confire versatilidade e multifuncionalidade a robots industriais antropomórficos. A idea dixeron, “xurdiu da inexistencia dunha oferta de unidades robóticas que se poidan adaptar a procesos industriais con produtos heteroxéneos, como é o caso do sector do móbel onde cada unha das pezas ao pintar ou vernizar difire entre elas tanto en tamaño como en deseño”. O proxecto empregaría a tecnoloxía desenvolvida por dous grupos de investigación da UDC para a súa incorporación a robots, dotándoos dunha maior versatilidade e flexibilidade para que sexan empregados en procesos de produción variable.
Outra das ideas recoñecidas foi Contactúa: do conto ao teatro. Tras dela atópanse os estudantes da USC Pablo Culebras e Ángel Culebras, que argallaron a transformación dun texto dixital nunha obra teatral para incentivar as competencias comunicativas (lectoras, de expresión oral e de uso das TIC) entre os nenos e nenas de Infantil e Primaria, co fin de evitar os malos resultados que amosan cando chegan a cursos máis avanzados. A idea, explicou Pablo, “permite adaptar unha proposta pedagóxica moi innovadora no seu tempo (o uso do teatro), pero indo un paso máis aló abranguendo todo o proceso de que os nenos e nenas transformen un conto nunha representación teatral, pasando por unha fase de realización de exercicios plásticos”.
Por último, Manuel Gómez, do centro CIQUS da USC, formula a fabricación “barata e rápida” de células solares en filme empregando tecnoloxías plasmónicas para concentrar a luz solar e reducir o seu tamaño ou aumentar a súa eficiencia por unidade de área e combinación con sistema de captura de enerxía luminosa dos plasmóns por medio de receptores químicos e transferencia e transporte electrónico a través de materiais orgánicos ou híbridos. “Trátase de aproveitar máis a enerxía do sol para producir máis electricidade”, puntualiza González, que engade que “é innovadora porque emprega dúas tecnoloxías que se complementan, por unha banda a plasmónica, asociada á nanoestruturación de metais en capas finas e que permite inxentes concentracións moi localizadas de campo electromagnético en forma de plasmóns, e por outra banda a fabricación de células orgánicas con tintas condutoras que precisamente sofren de baixa eficiencia pola dificultade para captar enerxía luminosa adecuadamente”.
As novas tecnoloxías foron novamente as protagonistas do palmarés do Concurso de Ideas Innovadoras da USC
Compartir Este Artigo

