En materia de servizos non todos os aeroportos son iguais. En materia de Wi-Fi, tampouco. Hainos onde os nosos dispositivos navegarían coma unha pataca e hainos onde irían coma a seda. Asemade, non todos amosan o mesmo nivel de seguridade en materia de acceso sen fíos. Para dar a coñecer estas diferenzas e achegar uns cantos nomes referenciais, o buscador de voos e hoteis de baixo custe Jetcost levou a cabo dúas investigacións. Unha sobre os hábitos dos pasaxeiros de 18 anos á hora de voar (sen dúbida entre os costumes máis afianzados atópase o de conectarse vía Wi-Fi). Outra, complementaria da anterior, sobre os aeroportos con mellor Wi-Fi do mundo. O estudo determinou que en Europa somos “propensos” á política do freemium.
Neste caso concreto, á política de permitir a conexión de balde durante un determinado tempo, rematado o cal haberá que rexistrarse e pagar. Isto, sinálase, non é habitual en Estados Unidos, onde levan algo da vantaxe grazas aos usuarios, que semella que se queixaron de abondo como para variar o rumbo da política dos aeroportos e achegar servizos gratuítos integrais. Resultado: arestora o 79% dos aeroportos estadounidenses ofrecen Wi-Fi gratis ilimitado, mentres que en Europa só o fai o 26%. España, sinala Jetcost, é “un caso aparte”. Así, mentres que a conexión é libre e sen límites nas instalacións de cidades como Birminghan, Istambul, Milán, París, Praga, Frankfurt, Niza ou Dublín, nos aeroportos españois os usuarios só dispoñen de 15 minutos gratuítos, e despois 4,50 euros por unha hora e 9,90 euros por dúas.
Na cabeza da listaxe das mellores infraestruturas do mundo atopamos, nesta orde, ao Aeroporto Dallas-Fort Worth (Texas, EEUU), que achega conexión Wi-Fi nos seu cinco terminais desde 2012 (dende hai dous anos de balde e de xeito ilimitado, conseguindo un aumento no seu número de conexións diarias de 2.000 a 55.000 e fornecendo unha velocidade de conexión media de 8 Mbps); ao Aeroporto Changi de Sinagura (que ofrece Wi-Fi libre e ilimitado aos seus clientes, en cada porta de embarque e con velocidades de ata 4 Mpbs, sendo o seu número de usuarios de arredor de 37.000 diarios) e ao Aeroporto de Helsinqui (considerado o mellor de Europa en materia de conexión sen fíos, subministra Wi-Fi de balde con extras, ou sexa que conta cun servizo que rastrexa aos usuarios que leven activada a función Wi-Fi nos seus dispositivos ofrecéndolles servizos de utilidade e produtos que poden atopar nas instalacións, así como información sobre todos os voos). Seguen a estas infraestruturas, no cuarto e quinto posto, as de Incheon (Seúl) e o de Schiphol de Amsterdam.
Jetcost amosa en detalle os mellores aeroportos do mundo para conectarnos vía Wi-Fi
Compartir Este Artigo
