Co seminario de expertos sobre a Internet das Cousas a AMTEGA clausurará o vindeiro venres a iniciativa Faite Dixit@l!, posta en marcha o pasado mes de setembro. A clausura, que terá lugar en Edificio CINC, na Cidade da Cultura, correrá a cargo da directora de AMTEGA, Mar Pereira. Durante o acto farase entrega dos premios do concurso de aplicacións móbiles de Faite Dixit@al, ao que se presentaron 12 aplicacións, e cuxo gañador recibirá de Hewlett-Packard un ordenador portátil convertible en tableta. Será entregados, ademais, catro diplomas, ás mellores aplicacións en canto a perspectiva de negocio, valor social, deseño e usabilidade.
A partires das 10:00 horas desenvolverase o derradeiro faladoiro de Faite Dixit@l, ao que é posible inscribirse vía web, onde cinco expertos abordarán o presente e do futuro das cousas conectadas a internet, de como a ligazón de obxectos de uso cotián coa Rede pode facilitar o desenvolvemento das persoas, do alcance desta tecnoloxía e da súa potencialidade en campos como a educación, a saúde, o lecer ou a cultura.
O faladoiro dixital estará moderado por Manuel Velardo, director xerente do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías de Información e a Comunicación baseadas en Fontes Abertas (CENATIC), e nela participarán como relatores:
– Marcos Saavedra, co-fundador do estudo Vermis Project e director da oficina española da empresa, responsable do proxecto Vermis, finalista do Fujitsu Design Award 2011. Actualmente envorcado no proxecto VermisLAB, un proxecto educativo que ten como obxectivo potenciar a creatividade e a curiosidade de alumnos e alumnas ao redor das novas tecnoloxías, o deseño e a ciencia.
– José Manuel Ruiz Pérez, co-fundador e CEO de Smarttek, empresa tecnolóxica dedicada ao desenvolvemento e comercialización de aparellos de robótica para o fogar, con liñas de traballo en I+D+i para a o traballo intelixente dos dispositivos eléctricos e electrónicos conectados á rede.
– Miguel Ángel Montero, membro da Comisión eSalud de AMETIC (Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Comunicación, Telecomunicacións e Contidos Dixitais), que con máis de 40 empresas representadas, ten como obxectivo garantir o posicionamento do sector TIC Saúde no mercado actual e converterse nun referente TIC no sector sanitario.
– Rodrigo Martínez, xefe de proxecto do Instituto Tecnolóxico Hostaleiro (ITH), que actualmente desenvolve o proxecto ITH Smart Hotel Now, dotado de IOT Technology para a interacción entre usuarios e hoteis a través da primeira app hostaleira capaz de adaptar espazos e experiencias á medida de cada hóspede.
– Ismael Faro, asesor e mentor tecnolóxico con máis de 15 anos de percorrido no campo do emprendemento, asistindo a startups a levar as súas ideas a mercado e traballando e colaborando en proxectos open source, tanto empresariais como gobernamentais, dentro do marco da innovación tecnolóxica.
Os actos de clausura do proxecto Faite Dixit@l! son de participación libre ata completar o aforamento do lugar de celebración.
Unha xornada sobre a Internet das cousas pechará as actividades de Faite Dixit@l!
Compartir Este Artigo

