A pasada mañá a Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia serviu de escenario para a celebración dunha peculiar edición de Compostweets, cuarta cita para os profesionais de Social Media de Galicia que fuxiu da súa data habitual de celebración, chegando moi preto das festas de Nadal, para converterse nun encontro máis íntimo que contou igualmente coas súas compoñentes características, contribuíndo á consolidación do sector profesional das redes sociais na nosa comunidade.
Esta especial edición de Nadal do Compostweets comezou cunha dinámica
presentación de propostas de usos divertidos de Facebook, abordándose casos
como o da páxina persoal de
Chus Alvite ou a de Fans
de Luis Davila, complementadas cunha presentación da
experiencia do CocidoDay. Como curiosidade, varias das intervencións
(concretamente a de Chus Alvite e a de Laura Camino) tiveron que
realizarse por vía telemática.
O experto en redes sociais e marketing, Javier
Rocamora, impartiu un completo relatorio sobre o uso de redes sociais dende
a empresa, dando conta de moitas malas prácticas, e reivindicando a
profesionalidade á hora de xestionar a presenza en liña das empresas.
Pola súa banda, Manuel Alonso quixo abordar as dificultades á hora de
introducir aos pequenos negocios no comercio electrónico, principalmente pola
falta de conciencia de que a canle de vendas en liña debe coidarse do mesmo
xeito que os establecementos físicos para poder conseguir que trunfen.
Para completar a xornada, realizáronse unha serie de elevator pitch
para que varios proxectos galegos puideran darse a coñecer aos presentes. Concretamente
amosaron os seus proxectos a escola de vendas e de falar en público E-Inventa, a proposta de servizos informáticos para empresas TICgal, a
curiosa iniciativa H2GZ
Energizing que quere converter a Bertamiráns nun referente mundial das
enerxías sustentables e a compañía de servizos de formación baseados nas
neurociencias Inteligencia
Divergente.
O evento rematou confiando en que en 2015 poida celebrarse unha quinta edición
de moito maior empaque, retomando o calendario habitual do encontro e
procurando servir para dinamizar o sector galego do social media a través dun encontro presencial que facilite o networking e o intercambio de
coñecemento.

