A primeira hora da tarde dende a popular empresa de servizos de hospedaxe web Dinahosting deron conta dun problema na súa rede que afectaba ás conexións externas, para matizar pouco despois de que os problemas son consecuencia dun ataque distribuído de denegación de servizo (DDoS) que produciu un fallo nas súas conexións.
Aínda que os servidores afectados conseguiron recuperarse ao pouco tempo, volveron recibir un ataque masivo, que comprometeu a rede desta empresa galega que conta entre os seus clientes con numerosas empresas e entidades da nosa terra, o que explica as dificultades para acceder a moitas páxinas web galegas dende esta última tarde.

A principal consecuencia deste ataque fai que os sistemas no respondan a nivel de DNS, ou sexa, que cando poñemos o seu nome de dominio na barra de enderezos dun navegador non accederiamos á páxina web en concreto, o que si poderiamos facer de acceder á mesma a través do seu correspondente enderezo IP. Dinahosting conta con varias compañías provedoras de conectividade e DNS distribuídas a nivel internacional, que están a ser obxectivo directo do ataque, de aí que a redundancia non sexa suficiente para frear este ataque.
É de esperar que en poucas horas os servizos afectados volvan á normalidade e a única consecuencia a lamentar sería a perda temporal do acceso aos espazos web (e outros servizos en liña) afectados, xa que este tipo de saturacións de sistemas rara vez agochan outros tipos de intrusións.
ACTUALIZACIÓN: Aseguran que o ataque multiplica por 130 o tráfico habitual dos servidores de Dinahosting:

