A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a AMTEGA veñen de completar a activación da aplicación gratuíta Meteogalicia coa que os cidadáns poderán consultar a información de predición e das redes de observación de Meteogalicia por concellos e para un horizonte de ata 10 días, a través dos seus dispositivos móbiles.
Ata o momento só os usuarios con dispositivos Android e iOS, tanto para smartphone como tablets, tiñan esta opción que agora se amplía para os usuarios de Windows Phone e Blackberry. Segundo os datos que rexistra a AMTEGA, desde que se puxo en marcha esta aplicación en agosto deste ano, efectuáronse máis de 40.000 descargas (11.287 de App Store e 30.088 de Google Play).

Outra das novidades que integra esta aplicación é o acceso en tempo real ás estacións meteorolóxicas de calidade do aire e das boias oceanográficas da Xunta, que aportan información sobre as mareas, así como aos avisos meteorolóxicos por concellos. Tamén se pode consultar un histórico dos raios rexistrados, o estado das mareas e a gráfica de evolución, así como as horas do orto e do ocaso, as fases da lúa, o estado actual e a superficie iluminada.
A aplicación Meteogalicia busca trasladar aos dispositivos móbiles toda a información de predición e das redes de observación de Meteogalicia, xa que nos últimos anos un importante segmento da poboación accede a Internet a través dos seus móbiles.
A aplicación móbil de Meteogalicia xa está dispoñible para Windows Phone e BlackBerry
Compartir Este Artigo

