En virtude da lexislación europea que protexe os dereitos dos consumidores, Apple vén de mudar as condicións de uso de iTunes (aplicables tamén á App Store, á Mac App Store e á iBooks Store), de xeito que a partires de agora a tenda de descargas dixitais acata a directiva europea correspondente e incorpora un período de 14 días para a devolución de compras en liña. Outro dos cambios incorporados supón o cambio na tributación do IVE, que xa non se fará no país no que estea a tenda en liña correspondente, senón no país do comprador, o que suporá que Apple pase de cobrarnos un 3% de IVE a facturarnos o 21%, o que traducirase nunha suba de prezos xeral a partires do 1 de xaneiro.
No relativo á cancelación das compras durante os 14 días posteriores á recepción do recibo correspondente sen indicar motivo algún Apple recoñece tal dereito, pero para efectuar o reembolso do importe pagado hai que pórse en contacto co soporte de iTunes (a través da opción de “sinalar un problema”) ou remitir un formulario de cancelación a Apple, o que non parecen os métodos máis intuitivos para realizar tal procedemento pero, cando menos isto é posible.
Esta opción resultará de grande utilidade para os consumidores, que poden adquirir algún produto descargable deixándose levar por descricións pouco precisas ou que incluso pretenden levar a engano, o que agora terá unha solución máis doada.
Apple permitirá devolver contidos descargables durante 14 días
Compartir Este Artigo
