A primeiros de decembro a artista galega Cristina Pato iniciou unha campaña de micromecenado en KickStarter, a plataforma de crowdfunding máis popular a nivel mundial, para facer posible o seu álbum Latina, que prevese que vexa a luz o vindeiro mes de maio. A campaña procuraba xuntar 20.000 dólares en base a achegas de mecenas que podían ir dende 1 dólar (sen recompensa) ata os 10.000 dólares (a cambio dun concerto na casa do mecenas acompañado dunha cea composta por paella e polbo á feira, cociñados pola propia Pato), pasando polos 10 euros que dan dereito a recibir unha copia dixital do álbum ou 30 dólares para recibir unha copia asinada do álbum en CD.
Aínda que a campaña comezou moi paseniñamente, nos últimos días acelerouse a captación de apoios, sorprendendo especialmente a aparición dun mecenas que optou pola achega máxima e por un par que aportaron 1.000 dólares para recibir unha clase particular de gaita galega por parte de Cristina Pato, o que permitiu que horas antes do remate da campaña se completase o seu obxectivo, chegando finalmente aos 20.376 dólares, cantidade que garantirá que Latina poida ver a luz en poucos meses, á vez que ratifica a validez deste tipo de iniciativas tanto para a captación de financiamento como para conseguir certa promoción dos produtos culturais antes de completar a súa produción, o que facilita a súa difusión posterior.
Cristina Pato completa con éxito a súa campaña en Kickstarter
Compartir Este Artigo
