Para axudar principalmente aos usuarios viaxeiros, o servizo de tradución automática de Google está a actualizar as súas aplicacións para Android e para iOS, de xeito que o smartphone pode converterse nunha ferramenta de tradución aínda máis potente ao integrar tradución instantánea a través da cámara do móbil e axilizar a funcionalidade de tradución de conversas.
A aplicación de Google Translate conta cun modo cámara (Word Lens) que permite capturar a instantánea dun texto e traducilo a 36 idiomas, pero agora ofrece tamén a posibilidade de dirixir a cámara cara un sinal ou un texto para ver inmediatamente a tradución sobreimpresa en pantalla, sen precisar de conexións de datos neses momento. Por agora a tradución instantánea só está dispoñible entre inglés, francés, alemán, italiano, portugués, ruso e español, estando en proceso a ampliación das linguas incluídas nesta interesante funcionalidade.
Dende 2013 Android tamén contaba cun modo de Conversa no seu sistema de tradución, que permitía fixar dúas linguas ás que aplicaba recoñecemento de voz nunha lingua, para traducir á outra e reproducir tamén o texto traducido mediante síntese de voz, para logo facer o proceso no sentido contrario, ou sexa, para poder facer traducións por quendas entre dúas linguas, pero agora, cando se use a aplicación para tal fin, a ferramenta recoñecerá automaticamente os dous idiomas que se están a utilizar, facendo máis doado ter unha conversa máis fluída, de xeito que, tras recoñecer os dous idiomas, non será preciso premer a icona do micrófono entre cada queda da conversa.
Estas actualizacións están a distribuírse nas tendas de aplicacións, de xeito que recibiranse nos vindeiros días, sendo a primeira vez que chegan a iOS (xa que estas funcionalidades avanzadas era exclusiva de Android).
Exemplo de uso de Google Translate no móbil
A aplicación móbil de tradución de Google recibe importantes melloras
Compartir Este Artigo

