No último ano puidemos ver como a compañía chinesa Xiaomi experimentaba un crecemento meteórico, colocando no mercado smartphones con boas prestacións e prezos moi axustados, e para entender como é posible iso, dende TechCrunch publican un artigo no que buscan explicar como é posible que esta empresa poida ter uns prezos tan agresivos.
Aínda que tradicionalmente se viña dicindo que Xiaomi conseguía manter os seus prezos reducidos por vender directamente a través da Internet, non é ese o único elemento que fai que a empresa conseguise colocar máis de 60 millóns de dispositivos o ano pasado, sobrepasando en vendas a Samsung en China, e conseguindo converterse no terceiro fabricante de smartphones en vendas a nivel mundial.

Cómpre destacar que case todos os terminais comparten moitos compoñentes, facilitando que Xiaomi poida manter a súa cadea de subministro e poida negociar mellores prezos. E os dispositivos con certa antigüidade continúan a venderse durante moito tempo, xa que os usuarios non temen que a compañía vaia deixar de darlles soporte (xa que publican actualizacións durante 2-3 anos, en contraste co que fan moitos outros fabricantes, que en moitos casos abandonan os seus dispositivos incluso antes do seu primeiro ano de vida).
Xiaomi ten agora un importante reto para poder trasladar o seu modelo a outros mercados, xa que ao vender os produtos fóra de China ten que realizar cambios na súa loxística que non permiten uns prezos tan agresivos, pero que pese a todo poden facilitar que en certos territorios a compañía consiga consolidarse como un dos fabricantes con mellores vendas en vista da súa boa relación calidade-prezo.
O éxito de Xiaomi podería vir en manter un catálogo de produtos reducido e duradeiro
Compartir Este Artigo
