Nos últimos anos vimos como o micromecenado conseguía acumular importantes cantidades económicas en Kickstarter principalmente con produtos tecnolóxicos como o smartwatch Pebble, a consola OUYA ou o reprodutor Pono Music, que xuntaron millóns de dólares para facer viables os seus produtos, pero agora temos unha nova marca, que aínda que actualmente ten que conformarse co 7º posto en volume económico conseguiu liderar xa esta plataforma en número de mecenas. Falamos de Exploding Kittens, un proxecto que xa ten máis de 113 mil mecenas, dos que a meirande parte achegaron 35 dólares para facelo realidade.
Estamos ante un xogo de cartas bastante absurdo que pode definirse como unha versión da ruleta rusa con elementos de estratexia e gatos, de xeito que cada xogador deberá empregar sabiamente os seus naipes para evitar ter que enfrontarse a un gato explotando, que suporía perder a partida. Para evitar que o gato explote poden empregarse cartas con elementos que obstaculizan ao gato (como punteiros láser ou emparedados); realizar xogadas coas que saltar unha quenda, atacar a outro xogador ou recolocar de xeito segredo a carta cun gato explotando; ou incluso xogar cartas de gatos que activan poderes especiais.
Temos así unha proposta tan tola como parece, que conseguiu superar os 10.000 dólares do seu obxectivo inicial en só 20 minutos, multiplicar por 10 o seu obxectivo en menos dunha hora e achegarse aos 4,5 millóns de dólares a 22 días do remate da súa campaña de micromecenado. De manter ese ritmo, podería converterse en poucos días no meirande proxecto en Kickstarter da historia, aínda que haberá que agardar para ver se o que parece unha inmensa broma é capaz de manter o seu pulo ou incluso pode experimentar un efecto de bola de neve grazas á atención que está a captar, de xeito que podería converterse nun fenómeno global.
Este xogo de cartas pretende facerse realidade en xullo de 2015 e pode encargarse xa por 20 dólares para a súa versión básica e 35 dólares para a súa versión para adultos, existindo tamén edicións para coleccionistas a 100 e 500 dólares que xa están esgotadas.
Un xogo de naipes consegue converterse no proxecto con máis mecenas na historia de Kickstarter
Compartir Este Artigo
