Nos últimos anos Sony desenvolveu unha reestruturación que procuraba facer que a compañía puidese recuperarse da súa pronunciada perda de posición no mercado, de aí que vendesen o negocio de ordenadores VAIO e separasen o seu negocio de televisores da empresa matriz, pero agora anuncian cambios aínda máis profundos, e van segregar o negocio do audio e o vídeo a unha compañía aparte á vez que dan conta antes os seus investidores da posibilidade de vender completamente os seus negocios de smartphones e televisores, para enfocarse nas súas divisións máis rendibles: o audiovisual, os videoxogos e a venda de sensores de imaxe.
Con estas medias Sony buscaría volver a ser rendible tras preto dunha década de perdas, adelgazando a empresa principal e centrándose nos seus puntos fortes, no que podería definirse como a fin de Sony como unha compañía centrada na electrónica de consumo, de xeito que o seu negocio serían as cámaras de terminais como os iPhone, as PlayStation e o cine.
Aínda que durante os primeiros anos da PlayStation 3 a división de videoxogos de Sony chegou a ser un lastre, actualmente a división é bastante rendible, mentres que o negocio de dispositivos móbiles está a converterse na ruína da compañía, cunhas perdas que conseguen eclipsar a todas as divisións das compañía con beneficios, o que parece froito das dificultades para facer fronte aos seus competidores surcoreanos como tamén aconteceu anos atrás co negocio dos televisores.
Sony segregará os seus negocios de audio e vídeo
Compartir Este Artigo
