Os usuarios de dispositivos con BlackBerry 10 van telo máis doado para atopar aplicacións que instalar, xa que coa actualización 10.3.1 de BlackBerry OS, que comezou a distribuírse hoxe, precarga nos terminais a Amazon Appstore, de xeito que centos de milleiros de aplicacións para Android poden agora instalarse en dispositivos de BlackBerry, o que supón un importante complemento da tenda de aplicacións BlackBerry World.
Aínda que a tenda de aplicacións de BlackBerry xa inclúe ás principais ferramentas de produtividade e uso profesional, a selección de aplicacións realizada por Amazon conta con moitos contidos máis orientados ao lecer, como videoxogos, coa vantaxe adicional de que a Amazon Appstore ofrece unha aplicación de pagamento de balde cada día.
BlackBerry Bend
Con BlackBerry OS 10.3.1 tamén ábrese a toda a familia de produtos BlackBerry 10 a funcionalidade coñecida como BlackBerry Bend, que é unha solución que permite aos usuarios saltar de smartphones a tabletas ou ordenadores mantendo o acceso a conversas, calendarios, ficheiros, contactos… ou sexa, mantendo unha continuidade entre dispositivos que simplificará numerosas tarefas frecuentes, de xeito que xa non será preciso remitir documentos por e-mail para poder abrilos noutro trebello ou empregar unidades de memoria para transferir documentos, xa que Bend permitirá traballar entre múltiples plataformas de xeito cómodo e seguro.
