Hai bastante tempo que Apple ten tendas oficiais espalladas por todo o mundo, Microsoft tamén conta con tendas físicas de seu nos EE.UU., e agora Google tamén parece seguir os mesmos pasos, e abrirá a primeira The Google Shop en Londres, concretamente dentro da tenda Currys PC World de Tottenham Court Road.
Este novo establecemento servirá para que o público poida adquirir en persoa smartphones e tabletas con Android, portátiles Chromebook e dispositivos Chromecast, facilitando que os consumidores poidan ter máis informacións sobre todos estes produtos dun xeito máis próximo aos consumidores menos tecnolóxicos. Aínda que Google xa fixera algún achegamento a este concepto abrindo espazos destinados á dar a coñecer produtos Chrome e Android en Reino Unido e Australia respectivamente, é a primeira vez que fai un achegamento global coa súa propia marca, no que parecer ser só a primeira de outras tendas no Reino Unido e, de ser ben acollidas, poderían levar este modelo a outros países.
Lembremos que nos EE.UU. o rol das Apple Stores á hora de que os consumidores reciban tanto asistencia técnica como información personalizada sobre os produtos dispoñibles xogaron un papel moi importante na consolidación da marca e na xeración de confianza na mesma, e Google podería buscar precisamente isto mesmo, pois resulta innegable que conta cun catálogo de produtos excelentes, pero que non gozan da popularidade que merecen.
Novo Chromebook Pixel
Paralelamente Google tamén está a renovar a aparencia da súa tenda en liña de dispositivos, que facilita a compra de teléfonos, tabletas, Chromecasts, smartwatches e accesorios, o que serviu tamén para dar a coñecer que o portátil Chromebook Pixel renovábase, destacando esta segunda xeración do equipo por ter un prezo lixeiramente máis baixo e por estar equipado con 2 portos USB-C (moi de moda actualmente pola súa incorporación ao novo MacBook).
Estes novos portátiles veñen equipados cun procesador Intel Core de quinta xeración (i5 ou i7), conta con 8/16 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento flash, continúan a destacar pola súa pantalla táctil de 12,85 polgadas de 2.560 x 1.700 píxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, a súa batería achégalle unha autonomía de ata 12 horas (contando tamén cun sistema de carga rápida que permítelle operar 2 horas tras só 15 minutos conectado á corrente eléctrica). Aparte dos mencionados 2 portos USB-C (que poden empregarse para transferir datos ata a 5 Gbps, para extraer vídeo ata en 4K e para cargar o equipo a 60 watts), tamén inclúe 2 portos USB 3.0 de tipo A e lector de tarxetas de memoria SD.
Un equipo moi interesante, aínda que apto só para un perfil de usuario moi concreto, e do que polo momento só sabemos os prezos nos EE.UU., onde pode adquirirse por 999 dólares no seu modelo básico e por 1.299 dólares para a edición LS (Ludicrous Speed).
Vídeo promocional do novo Chromebook Pixel
