Dende Nokia levan un tempo apostando por móbiles con grandes cámaras na súa liña PureView, e aínda que non veremos un novo Lumia de alta gama ata o lanzamento de Windows 10, parece que a calidade dos terminais actuais non perdeu posicións, e o Lumia 930, que está a piques de cumprir o seu primeiro ano de vida, estaría a confirmarse como o smartphone con mellor cámara do mercado (posiblemente en espera á chegada do Samsung Galaxy S6 ás tendas).
Esta conclusión extráese dunha interesante votación entre os lectores de PhoneArena.com, aos que se lle presentaron varias fotografías tomadas con móbiles insignia sen indicar os modelos aos que respondían as imaxes, para logo analizar o resultado, conseguindo gañar con 6.032 votos o Lumia 930 coa súa cámara PureView de 20 Mpíxeles, seguido moi de preto polo Samsung Galaxy Note 4 con 5.936 votos.
Bastante máis lonxe quedaría o iPhone 6 Plus (4.344 votos), o Google Nexus 6 (3.965), o Samsung Galaxy S5 (3.282) e o HTC One M9 (1.247), deixando claro que hai bastante unanimidade nesta votación a cegas, que repartiría votos entre todos os terminais comparados porque ningún consegue liderar claramente en todos os tipos de fotografías contrastadas. O máis curioso das probas é que o smartphone máis recente dos comparados, o HTC One M9, resultou o peor parado, o que coincide con algunhas críticas deste terminal que viron a luz nas últimas semanas.
O Lumia 930 confírmase como un dos smartphones con mellor cámara do mercado
Compartir Este Artigo
