Microsoft leva tempo adiantando as virtudes do seu novo navegador web, o Project Spartan, que chegará a Windows 10 como sucesor do Internet Explorer (mantendo o vello navegador só por motivos de compatibilidade), conseguindo unha experiencia web máis completa e rápida, pensando principalmente nas cada vez máis completas aplicacións das que podemos gozar vía web, á vez que tamén busca facer máis doada a localización, lectura e compartición de contidos. E aínda que polo momento este proxecto só era de uso interno dentro de Microsoft, dende as últimas horas está accesible a través do programa Windows Insider, o que permite que os usuarios que están a facer uso da versión preliminar de Windows 10 poidan comezar a empregar o novo navegador web do que aínda non se coñece cal será o seu nome definitivo.
Entre as vantaxes que está a incorporar o Project Spartan destaca que integra o asistente virtual Cortana (polo momento só nos EE.UU.) o que fai máis doada a navegación web e a realización de numerosas accións; permite tomar anotacións sobre unha páxina web para poder compartila con outros ou simplemente para gardar en OneNote; conta cunha listaxe de lectura e unha vista de lectura para que podamos gozar de contidos sen distraccións; e tamén goza dun novo motor adaptado á web moderna.
Dende Microsoft aseguran que este navegador tamén contará con frecuentes actualizacións durante os vindeiros meses, como o resto de software de Windows 10, de xeito que cada vez ofrecerá unha experiencia de uso máis rica e satisfactoria, para que poida estrearse como o navegador web predeterminado do novo sistema operativo, aínda que lembrando que permitirán que será posible configurar o Internet Explorer 11 como navegador principal (pensando principalmente en contornos corporativos nos que teñan aplicacións que precisen deste navegador en concreto para funcionar).
Vídeo no que afondan no Project Spartan
A versión preliminar de Windows 10 xa permite navegar pola web co Project Spartan
Compartir Este Artigo
