Tras varias aperturas durante tempo limitado do proceso de integración de novos usuarios ao servizo de chamadas de voz a través de WhatsApp en dispositivos con Android, finalmente a popular aplicación de correo instantáneo activou esta agardada funcionalidade que permite facer chamadas a través de redes de datos para todos os usuarios de Android, de xeito que para gozar da mesma só precisan ter a última versión da aplicación.
Non son poucos os que levan semanas facendo uso das chamadas de voz a través de WhatsApp, que na súa captación progresiva de usuarios estaría buscando escalar os seus sistemas para un uso masivo, e finalmente parece terse conseguido tal, polo que é de agardar que nas vindeiras horas esta plataforma de VoIP pase a converterse nunha das máis usadas do mundo ante a popularidade da súa aplicación, pese a ofrecer unha calidade sonora claramente inferior á doutras ferramentas competidoras.
No caso de usuarios de iPhone e Windows Phone será preciso agardar uns días para poder gozar das chamadas de voz, se atendemos ás declaracións de Brian Acton, co-fundador de WhatsApp, quen asegurou a semana pasada que as chamadas de voz chegarían a iOS “nun par de semanas” polo que parece que será inminente a súa activación. Acton asegurou que levaban un ano traballando nesta funcionalidade.
WhatsApp para Android xa conta coas chamadas activadas de xeito xeral
Compartir Este Artigo
