Al Jean, showrunner da serie de televisión da familia Simpson confirmou que as novas tempadas da serie non verán a luz en formato DVD, asegurando que “o mercado do DVD está a morrer”, o que non significa que se completase a transición do DVD ao Blu-ray, senón que directamente a Fox está a restrinxir a publicación de contidos audiovisuais en soporte físico ante a súa falta de rendibilidade comercial.
Dende a Fox continuarán a traballar na produción dos contidos propios dos extras dos DVD, pois entenden que verán a luz dun xeito ou outro, e non desbotan que cheguen a comercializar a serie dos Simpson íntegra en formato físico unha vez que a ficción remate (se chegase a facelo), pero parecen ter confirmado que a venda de series tempada a tempada en DVD xa non é viable, o que en boa medida é consecuencia da emerxencia de plataformas como Netflix, Amazon Prime ou Hulu, que facilitan a reprodución de episodios das series de televisión, o que fan que a súa compra en soporte físico perda moito atractivo (xa que incluso resulta máis incómodo o seu consumo).
Un estudio de PwC publicado o ano pasado estima que en 2016 o mercado audiovisual doméstico en liña superará ao físico, mentres que no ano 2018 os distintos servizos de vídeo baixo demanda poderían converterse na principal fonte económica do cine e a televisión, superando ao cine xa en 2017.
En España os cambios nos hábitos de consumo tamén son notables, resultando evidente no mero feito de que cada vez hai menos reprodutores de DVD nos fogares; mentres que se miramos as cifras de vendas vemos como en 2008 vendíanse preto de 20 millóns de DVD e en 2013 pasouse a 9,6 millóns de unidades, quedando claro que estamos ante un mercado en decadencia que economicamente está moito máis acentuada: pasouse dunha facturación de 146,6 millóns en 2008 a 39,2 millóns en 2013, aínda que temos que salientar que en 2013 chegáronse a vender 2,4 millóns de discos Blu-ray, facturando 18,4 millóns de euros (o que non chega a compensar a caída de vendas en DVD).
En vista desta evolución do sector audiovisual dá a impresión de que as edicións físicas van deixar de ser un método de consumo para limitarse ao coleccionismo (potenciado pola proliferación de edicións especiais de películas e series de televisión).
Os Simpson deixarán de editarse en soporte físico
Compartir Este Artigo
