O servizo galego Truekecasa, do que falamos recentemente para salientar a súa aposta polo fórmula do troco de bens inmóbeis, vén de emitir un comunicado sobre a situación actual do mercado inmobiliario e a evolución experimentada polo mesmo no que vai de ano, en boa medida impulsada polo afianzamento das novas tecnoloxías para a realización de todo tipo de operacións. Segundo sinalan os responsables da plataforma, a recuperación do mercado no primeiro trimestre foi mellor do que se agardaba.
Javier Rodríguez, director xeral da compañía galega, salientou moi positivamente a evolución deste ámbito de negocio, ao tempo que afirmou, “sen perder a obxectividade e cun punto de vista moi conservador”, que se pode afirmar que “2015 rematará por ser un bo exercicio para o sector inmobiliario, segundo os índices de crecemento experimentados durante os últimos meses”. E engade: “Tanto as vivendas de obra nova coma as de segunda man están a se beneficiar deste tirón inmobiliario, e este escenario é o que fai que cada vez se incrementen máis as nosas operacións de troco, tanto na mesma cidade como en cidades distintas”.
Javier Rodríguez tamén nos lembra que “malia a situación que viviu o sector”, o servizo Truekecasa.com non deixou de medrar nos peores anos da crise, “grazas a un sólido modelo de negocio mediante o que logrou pechar unha alta porcentaxe das operacións xestionadas ao longo dos peores anos do parón produtivo”. Precisamente entre os principais valores diferenciais da compañía atópase o seu sistema de troco, un novo servizo tecnolóxico que favorece o intercambio de vivendas entre clientes, optimizando o beneficio e achegando numerosas vantaxes a todas as partes implicadas na xestión. Para este servizo, engade a empresa emprazada na Coruña, estableceuse “o software máis avanzado do mercado, apoiado nunha páxina web inmobiliaria deseñada a través das últimas ferramentas tecnolóxicas”. O software en cuestión permite á empresa acompañar ao cliente “en todo o proceso”, desde a procura de inmóbeis e asesoramento, ata a entrega das chaves.
A empresa foi quen de abrir catro oficinas no noso territorio dende que comezou a súa actividade en 2007.
Truekecasa augura un importante medre para o sector inmobiliario impulsado polas TIC
Compartir Este Artigo
