A innovación no mundo dos procesadores está centrada ultimamente nos dispositivos móbiles, de aí que busquen cada vez unha maior potencia cun menor consumo, de aí que MediaTek estea a dar conta do inicio dun novo ciclo de procesadores, que contarán con 10 núcleos, de xeito que este fabricante chinés de procesadores low-cost conseguiría chegar antes que os seus principais competidores á nova xeración.
O MediaTek Helio X20 sería o primeiro procesador do mundo con arquitectura de CPU Tri-Cluster e 10 núcleos de procesamento, á vez que tamén integraría LTE de categoría 6 con agregación de carriers, conseguindo situarse no mercado como un procesador moi atractivo á hora de atender as demandas actuais do mercado.
Este novo procesador integraría 1 clúster de 2 núcleos ARM Cortex-A72 a ata 2,5 GHz e 2 clusters de 4 núcleos ARM Cortex-A53 (correndo un a 2 GHz para tarefas de carga media e outro a 1,4 GHz para tarefas lixeiras), deixando claro que esta arquitectura non busca sumar moitos núcleos para ter moita forza bruta, senón que pretende repartir as tarefas segundo as súas necesidades, para acadar un bo desempeño co menor consumo posible, o que podería facer que a nova xeración de dispositivos móbiles reducirse o seu consumo enerxético ata un 30%.
MediaTek tamén integrou características avanzadas nos procesadores Helio X20, como soporte para cámaras principais duais (integrando un motor 3D que permite axilizar o disparo de fotografías); motores anti-ruído multi-escala que achegan imaxes cun alto nivel de detalle, precisión na cor e grande detalle incluso baixo condicións extremas; pantalla móbil a 120 Hz superando a actual barreira dos 60 Hz na velocidade de refresco; e integrando un procesador de baixo consumo para sensores (ARM Cortex M4) que atenderá a funcións sempre activas como a reprodución de MP3 ou a activación por voz.
O novo procesador comezará a remitirse aos fabricantes no terceiro trimestre do ano para estar dispoñible en produtos de consumo a finais de ano.
Posible Qualcomm Snapdragon 818
Aínda que parece difícil que Qualcomm teña moito que temer de MediaTek, o feito de que o fabricante chinés entrase na carreira polos 10 núcleos forzaraos a dar o seu paso posiblemente na súa nova xeración de procesadores. Espérase así que o Qualcomm Snapdragon 818 teña un procesador de 10 núcleos, que serían 4 Cortex-A53 a 1,2 GHz de baixo consumo, 2 Cortex-A53 a 1,6 GHz para tarefas de medio nivel e 4 Cortex A72 a 2,0 GHz para tarefas esixentes. Tamén soportaría memoria RAM LPDDR4, contaría cunha gráfica Adreno 532, funcionaría con LTE de categoría 10 e tamén estaría fabricado en tecnoloxía de 20 nanómetros. De ser isto certo, Qualcomm estaría preparada para responder a MediaTek, pero o seu competidor ten moitas bazas para golpear primeiro, o que podería ter serias repercusións nun mercado altamente competitivo.
