O selo editorial Axóuxere, con sede Rianxo, vén de publicar unha obra de experimentación que ten un moito de creatividade artística (gráfica, literaria) pero tamén de innovación tecnolóxica. O espírito de “cousa nunca vista” que alenta en Tar0t Esquizoan4lise, así se fai chamar a nova publicación de Axóuxere, comeza xa no seu título: un título que resultou ser ese, pero que en palabras dos seus impulsores ben puidera ser outro. Unha chea de posibilidades, tantas como perspectivas abrangue: tarot, novas tecnoloxías, psicanálise, arte permofativo, etc.
A obra, desenvolvida en colaboración con Alg-a Laboratorio, é en palabras dos seus creadores “un mazo de cartas de tarot asociadas a unha serie de conceptos, pautas e contidos web, que se pode empregar de xeito independente ou de maneira complementaria a través da interacción mediante os códigos QR presentes en cada carta”. Preséntase este mércores 20 ás 19.30 horas no Kuntshalle de Santiago (rúa da Conga 8).
O mazo, unha nova canle de adiviñación do futuro que afina a puntería e as posibilidades artísticas e expresivas grazas ás TIC, forma parte de Herme3TICa, que é unha iniciativa de innovación e desenvolvemento en artes escénicas e visuais a través das novas tecnoloxías, e do Laboratorio de Esquizoanálise, un espazo de investigación e recreación que achega alternativas de experimentación artística á práctica da psicanálise. “O proxecto”, avanza Axóuxere, “reformula o concepto hermética mediante a utilización de novas tecnoloxías nun espazo no que o pechado fisicamente convértese en aberto a través de cámaras e sensores, interactividade e posibilidade de telepresenza”.
Axóuxere lanza un tarot interactivo para adiviñarmos múltiples futuros
Compartir Este Artigo
