A realidade pode verse de moitos xeitos, e as redes sociais e os usuarios semellan estar aí para ofrecernos diferentes puntos de vista sobre un mesmo feito. Que se homenaxea a un escritor nun recanto de Santiago? Pois imos aló e sacamos unha foto e todo o mundo di unhas sentidas palabras e logo sae reflectido nos medios. Até aí todo ben. Porén, por nós mesmas/os ou grazas á comunidade en liña podemos comezar a facernos preguntas. Por exemplo, era preciso que no acto só participasen en aparencia homes? Por que tanto exceso de persoeiros masculinos? Para criticar cousas coma esta, a través da retranca, e para lembrar que nun acto como o devandito (a homenaxe a Ramón Piñeiro) ben se puido ter convocado a algunha das moitas mulleres de letras que por sorte temos no país, vén de pórse en marcha no Facebook unha iniciativa cuxo nome fala por si mesmo: Todo Pirolos.
A proposta é ben sinxela e funciona como un concurso, pero ao revés: trátase de recoñecer e salientar as imaxes que xunten maior número de homes, sen ningunha muller. Claro, o de “recoñecer e salientar” é un dicir, xa que a iniciativa consiste basicamente no contrario: en despelexar a teima de determinadas persoas, colectivos, entidades e medios de comunicación por seguir masculinizando todos os eidos da nosa contorna.
Deste xeito, quen sexa responsable dunha imaxe coma a devandita, corre o risco de recibir “os parabéns” de Todo Pirolos. A iniciativa, segundo contan os seus responsables no Facebook, segue o ronsel das experiencias postas en marcha polas finesas Feministinen. Xa que se trata dunha proposta estreitamente ligada ás redes sociais, animan a facer fronte común con outras/os internautas e visualizar todos aqueles eventos nos que só haxa homes, “empregando un certificador oficial”. Animan tamén á colaboración social co seu labor fiscalizador, poñendo como comentario na foto o seu certificador ou mediante a etiqueta #parabensfixeches1xuntanzadetodopirolos. Así definen o seu cometido: “Andamos á percura dos eventos fully machotes, todo pirolos, esas mostras de masculinidade 100% que podes atopar no día a día”.
Unha iniciativa no Facebook visualiza e denuncia as mostras de masculinidade: Todo Pirolos
Compartir Este Artigo
