A plataforma de difusión cultural Vivir na Coruña, que o ano pasado conseguiu recoñecementos como o Premio Smart-Ideas dentro do Smart Weekend e o Premio ao Mellor Blog Informativo do MexilOnseTuits, non quixo deixar pasar a primeira metade de 2015 sen deixar pegada, e aproveitaron a celebración de Citinart nos Xardíns de Méndez Núñez na Coruña para presentar a súa nova aplicación móbil oficial, que xa está dispoñible para a súa descarga de balde en Google Play, e que agardan que a semana que vén estea tamén dispoñible na App Store.
Esta aplicación en galego amosa en tempo real e sobre o mapa os eventos que se desenvolven na cidade herculina en función de filtros definidos polo usuario (disciplina artística, prezo e data) e nace do esforzo común do programador Denís Graña, o deseñador Javier Martínez e Eduardo Fernández e Lucía Pita nos roles de produción e coordinación deste proxecto, sendo tamén estes últimos os encargados de presentar en sociedade esta ferramenta de grande utilidade para os cidadáns que queiran descubrir a rica oferta cultural da Coruña.
A nova aplicación en probas de Vivir na Coruña permite coñecer dende o concerto máis íntimo ata a última estrea cinematográfica ou no teatro, así como dá conta de interesantes chalas e exposicións, servindo tamén de porta aos contidos da páxina web principal deste proxecto, que dende os seus inicios está adaptada a dispositivos móbiles, polo que ambas plataformas compleméntanse convenientemente.
Cómpre destacar que estamos ante unha creación independente, que grazas ao esforzo colaborativo consegue construír unha atractiva axenda cultural que en poucos meses conseguiu converterse en todo un referente local, servindo de mostra do valor que poden achegar os contidos de calidade na Rede.
Vivir na Coruña estrea aplicación móbil
Compartir Este Artigo

