A estratexia actual de Microsoft para levar os seus produtos e servizos ao meirande número de plataformas posibles para achegarse a onde están os usuarios, centrándose nos móbiles e na nube, fixo posible que esta semana publicasen en Google Play as aplicacións do seu Office para Android, que xa existían para tabletas, e que agora son compatibles tamén con smartphones.
Estas aplicacións levan 5 semanas en probas, o que permitiulles probalas en máis de 1.900 modelos diferentes de smartphone con Android en 83 países, conseguindo unhas aplicacións debidamente probadas para permitir con solvencia a visualización e edición de documentos de Office, a realización de presentacións de PowerPoint directamente dende o móbil e o acceso rápido a documentos ofimáticos (non só en OneDrive, senón tamén almacenados en Dropbox, Google Drive ou Box). Amais, Microsoft chegou a acordos con numerosos fabricantes de xeito que estas aplicacións chegarán pre-instaladas en numerosos terminais ao longo do ano.
Podemos xa descargar Word, Excel e PowerPoint para Android, totalmente de balde, e precisando para funcionar Android 4.4 ou superior e un mínimo de 1 GB de RAM.
Anuncio en vídeo da chegada do Office a smartphones con Android
O Microsoft Office chega oficialmente a smartphones con Android
Compartir Este Artigo

