Fálase moito das potencialidades que achegan as novas tecnoloxías para o ámbito dos vehículos a motor, e non tanto, polas razóns que sexan, das vantaxes que poden fornecer aos ciclistas. Vantaxes que, ademais, abranguen todo o ciclo de actividade deportiva diaria do usuario e máis alá: non só dende que sobe ata que baixa da bicicleta, senón tamén o estacionamento da bici e o que vén xusto despois. Neste último punto é onde se insire φLock (PhiLock), unha solución de seguridade deseñada por Technologies para vehículos limpos de dúas rodas que achega, grazas ás TIC, meirande protección que os cadeados convencionais e “gran simplicidade de uso”. De feito, poderíase dicir que estamos perante a chegada dos cadeados conectados.
O trebello-plataforma, que se vai lanzar no acubillo de financiamento colectivo Kickstarter, tería entre outras vantaxes que non precisa chaves nin códigos: só con subirnos á bici é de abondo para que se desbloquee. Ademais, vale para moitos vehículos de dúas ou máis rodas, incluídos scooters ou carriños de bebé.
O aparello goza como complemento dunha plataforma tecnolóxica na que os usuarios poden alugar ou emprestar a súa bicicleta “con total seguridade e facendo un único clic”. Segundo fan saber os responsables do proxecto, con este quérese emendar na medida do posible un dos principais atrancos que impiden arestora un maior crecemento do número de bicicletas nas nosas cidades. Falamos dos roubos, un problema que en Europa xa chegou o ano pasado á cifra dos 2,5 millóns de furtos. “Nós en Technologies quixermos facer algo para mudar isto, de aí que desenvolveramos PhiLock”, explican dende a empresa.
Volvendo ao aparello en si mesmo, dicir que se trata dun cadeado intelixente que se instala no vehículo e que o protexe dos roubos grazas á súa alarma, cuberta e salvagardada por unha rexa estrutura de aliaxe metálica cinguida a un cable de seguridade de aceiro inoxidable. O dispositivo é quen de “manterse en garda” mentres bloquea a bicicleta, “asegurando ao usuario que ninguén poida collela sen o seu permiso”. É dicir, se o sistema non recoñece a persoa que quere coller o vehículo, o cable de seguridade mantense cadeado e a alarma comeza a soar ata que remate todo movemento.
A través da aplicación, podemos adaptar o volume da alarma, a súa sensibilidade ao movemento e outras opcións como o tracking ou a localización.
O aparello inclúe tecnoloxía Bluetooth para o proceso de verificación da identidade do propietario (o Bluetooth conecta o trebello ao noso dispositivo intelixente, Apple Watch ou calquera dispositivo compatible con Bluetooth). Isto ceiba ao usuario de ter que introducir códigos manualmente, como se adoita facer cos cadeados convencionais. O sistema amosa potencial de abondo, tamén, para o aluguer de vehículos. Segundo fan saber dende Technologies, “a través da aplicación seleccionamos só os contactos aos que queremos alugar ou emprestar a bicicleta, e estes contactos reciben unha notificación nos seus dispositivos permitíndolles empregala”. Do mesmo xeito, podemos seleccionar a bici da persoa que queiramos e, nun só clic, solicitala. O tracking e a localización poden controlarse desde a aplicación, permitíndonos decidir quen ve ou non a nosa bici.
A tecnoloxía φLock simplifica e optimiza a seguridade das bicicletas estacionadas
Compartir Este Artigo
