O lanzamento da actualización de Wndows 7/8.1 a Windows 10 era todo un reto para Microsoft, e incluso supuxo un desafío no que a tráfico de rede se refire (aínda que Microsoft reservou largo de banda en numerosos puntos críticos para garantir un funcionamento fluído das descargas que finalmente non afectaron negativamente ao resto da Internet como temían algúns) e agora que pasaron as primeiras 24 horas fan balance e aseguran ter superado os 14 millóns de dispositivos que xa estarían a operar con Windows 10.
Todo isto foi posible en boa medida polo lanzamento en fases desta actualización, con usuarios que grazas a reservar a actualización conseguiron actualizala con antelación (evitando así as saturacións na Rede) e precisamente dende Microsoft recomendan tal método para a obtención da actualización, de xeito que haberá usuarios que aínda recibirán a notificación para instalar Windows 10 nos vindeiros días.
Os usuarios que aínda non teñan dispoñible a actualización e queiran facela de inmediato tamén poden optar pola ferramenta que publicou Microsoft que permite tanto actualizar en calquera momento a Windows 10 como gravar unha unidade USB ou DVD dende a que poder iniciar unha instalación de Windows 10 (práctico para equipos que non conten con banda larga fixa ou incluso para empregar no caso de ter que recuperar o sistema ante un fallo crítico).
Microsoft tamén está a colaborar cos seus partners para facilitar que cheguen produtos con Windows 10 preinstalado ás tendas, á vez que varios establecementos de electrónica de consumo tamén iniciaron campañas para dar a coñecer Windows 10 e facilitar a transición á unha versión de Windows que está a ter unha recepción extraordinariamente positiva, contrastando co rexeitamento inicial que padeceu Windows 8 (polo seu radical cambio de interface de usuario, que non foi comprendido polos consumidores).
ACTUALIZACIÓN: Dende Windows Central aseguran que unha fonte interna de Microsoft informounos de que ás 8 da madrugada (nos EE.UU.) o número de equipos que terían xa instalado Windows 10 sería moi superior aos 14 millóns das primeiras 24 horas, chegando xa aos 67 millóns de máquinas.
Tamén detallan que chegaron a experimentar taxas de transferencia de datos de 15 Tbps, superando a anterior marca da industria acadada por Apple na última actualización do seu sistema operativo (que chegou aos 8 Tbps).
14 millóns de equipos actualizaron a Windows 10 nas primeiras 24 horas
Compartir Este Artigo
