Aínda que é habitual que os dispositivos con Android teñan a sona de ser pouco seguros (provocada principalmente por certas malas prácticas por parte dos usuarios que facilitan a instalación de aplicacións de terceiros para gozar de software sen recorrer ás canles de distribución oficiais) dende Google queren insistir na seguridade da súa plataforma, que conta cun modelo de sandbox de aplicacións que fai que cada aplicación corra de xeito independente (facilitando que os datos do usuario estean seguros) á vez que en Google Play teñen medidas para a detección de malware (permitindo incluso o borrado remoto de software perigoso).
De feito, grazas ás numerosas medidas de seguridade actuais (ás que tamén contribúe que Android sexa de código aberto e conte cun programa de recompensas para expertos en seguridade que axuden a mellorar o sistema) estiman que o número de dispositivos con algún tipo de aplicación potencialmente perigosa instalada é menor do 0,15%, e poderá chegar a ser aínda menor grazas a políticas como a que estrea esta semana: a partires de agora os dispositivos da familia Nexus recibirán actualizacións de seguridade vía OTA todos os meses, en vez de agardar ás actualizacións xerais para instalarse. As actualizacións distribuídas para os dispositivos Nexus tamén se incorporarán a Android Open Source Project, de xeito que os fabricantes poderán incorporar as melloras de seguridade nos seus dispositivos de xeito doado.
Aínda que os dispositivos da familia Nexus véndense coa garantía de recibir actualizacións importantes por un mínimo de 2 anos dende o seu lanzamento, agora garanten que os parches de seguridade chegarán ata un mínimo de 3 anos dende o lanzamento ou 18 meses dende a última venda do dispositivo a través da Google Store, o que supón un importante compromiso pola seguridade por parte de Google.
A familia Nexus recibirá actualizacións de seguridade mensualmente
Compartir Este Artigo
