Os usuarios que hoxe visitasen a páxina web de Apple levarían unha sorpresa ao ver que no seu menú superior xa non existía a ligazón correspondente á tenda en liña da compañía da mazá, pois dende Cupertino tomaron a curiosa decisión de integrar a tenda en toda a súa web principal, de xeito que desaparece totalmente o escaparate da tenda web, o que pode parecer unha decisión bastante razoable de cara á compra de ordenadores ou dispositivos móbiles, aínda que a presenza da tenda de accesorios dilúese enormemente, quedando nun segundo plano (de feito, está bastante agochada, xa que para atopala deberiamos ir ao menú inferior da páxina, na sección Ver y comprar).
Podemos entender que esta medida busca ter unha páxina web uniforme, e máis doada de manter de cara á actualización do seu catálogo de produtos, á vez que procuraría non esforzarse en vender produtos de terceiros. Queda agora por ver como procederán cando se achegue a presentación dun novo produto, xa que ata o momento pechaban a tenda en liña temporalmente, e agora haberá que agardar a setembro-outubro para ver se pechan só as seccións de compra de cada produto ou adoptan unha política de actualización máis drástica e visible (pois cómpre salientar que os peches da tenda en liña reciben bastante atención mediática, efecto que posiblemente non queiran perder).
Apple elimina o escaparate da súa tenda en liña
Compartir Este Artigo
