A compostelá Coremain S.L. vén de ser adquirida pola viguesa Alonso Muras Inversiones, S.L., segundo figurou esta semana no BORME, onde dan conta do cambio accionarial da compañía tecnolóxica que pasaría a ter a Manuel Alonso Fernández como administrador único.
Segundo publica El Correo Gallego, esta operación teríase negociado “no máis estrito segredo” durante o mes de agosto, o que supón o cesamento no cargo de Alfonso José Pazo Fernández como presidente, José María de la Torre Gastañaduy como vicepresidente e conselleiro, Eva María Hernando Pato como secretaria e Félix González Madriñán e José Bascuas Coto como conselleiros.
Espérase que durante a vindeira semana os novos propietarios da compañía informen aos traballadores das liñas estratéxicas para esta etapa que, segundo citan no diario compostelán, nace “con vontade de crecemento”, matizando que “hai que esperar para comprobar a evolución da firma”.
A compañía de investimentos que encabeza esta adquisición tamén sería propietaria de Autronic, polo que ten experiencia no sector tecnolóxico e, ao parecer, para a compra de Coremain houbo cando menos outras dúas empresas interesadas. Nos últimos meses especulábase sobre as discrepancias entre os socios de Coremain que serían o motivo da operación de venda da que espérase que realicen unha comunicación pública en breve.
Unha compañía de investimentos viguesa merca Coremain
Compartir Este Artigo
