Dende FACUA están a dar conta dunha sentenza xudicial realmente rechamante, xa que o Xulgado de Primeira Instancia nº 22 de Sevilla condenou ao avogado e empresario Luis Pineda, propietario do negocio xurídico e editorial Ausbanc, por intromisión ilexítima no dereito á honra do xornalista e voceiro da asociación de consumidores, Rubén Sánchez.
O auto confirma que Pineda empregou en Twitter “expresións e comentarios vexatorios e insultantes” contra Sánchez que, ao seren reiterados supoñen “unha mostra clara da intención de afectar contra a honra allea”. De aí que obriguen ao condenado a publicar o fallo da sentencia en Twitter a diario durante todo un mes, o que podería considerarse como unha sentenza pioneira.
Pineda deberá dar conta da condena na súa conta de Twitter durante 30 días entre as 9:00 e as 14:00 ou entre as 17:00 e as 22:00 horas, así como indemnizar a Sánchez con 4.000 euros e borrar os 57 chíos obxecto da demanda, dando a impresión de que o empresario denunciado non aprendeu a lección, xa que hoxe mesmo volveu a lanzar acusacións contra Sánchez en Twitter.
Pero esta só sería a primeira de varias accións xudiciais contra Pineda, xa que responden a unha demanda interposta en outubro de 2013, á que seguiron varias accións civís e penais, por levar Pineda anos insultando e imputando delitos contra Sánchez. A propia FACUA tamén levou aos tribunais ao propietario de Ausbanc e ao seu negocio (expulsado en 2014 do Rexistro Estatal de Asociacións de Consumidores e Usuarios).
Unha sentenza xudicial obriga ao condenado a informar diariamente da mesma a través de Twitter
Compartir Este Artigo
