Os usuarios do servizo de correo electrónico de Yahoo que actualizaran o seu ordenador a Windows 10 teñen agora unha nova aplicación nativa dispoñible na Tenda de Windows, facendo así doada non só a lectura das mensaxes, senón tamén a notificación cando se reciben novas comunicacións. A aplicación aproveita para engadir novas funcionalidades e como principal vantaxe ten que a súa aparencia é moi semellante á da versión web do servizo, de xeito que os usuarios actuais familiarizaranse coa nova ferramenta decontado.
Coa nova aplicación hai novos xeitos de saber se recibimos novas mensaxes: na pantalla de bloqueo do equipo amósase o icona da aplicación co número de mensaxes sen ler, como tamén acontece na baldosa do menú de inicio de Windows e, para completar a integración con Windows 10, tamén integra as notificacións de sistema, de xeito que cada vez que chega unha mensaxe aparece a alerta correspondente (que se acumula na barra de notificacións ata que a atendamos ou a borremos).
Tamén é posible configurar Yahoo Mail como principal aplicación de correo electrónico, para que cando premamos nun enderezo de correo electrónico esta ábrase de xeito automático. Amais, ao estarmos ante unha aplicación de Windows 10, o uso da ferramenta está pensado tanto para ordenadores de escritorio como para tabletas, adaptándose así ás necesidades de moitos usuarios do servizo.
Yahoo Mail estrea aplicación para Windows 10
Compartir Este Artigo

