A edición en soportes dixitais é todo un reto para múltiples compañías que están a actualizarse para afacerse ás tendencias do mercado, e aínda que no caso dos libros electrónicos xa existen unhas plataformas e formatos bastante consolidados, no caso da banda deseñada son moitas as incógnitas, o que leva ás editoriais a experimentar para achegarse ao público dun xeito que non cause rexeitamento ou desconfianza, e así vemos como Astiberri, ao renovar a súa páxina web para dar cabida ao seu catálogo de preto de medio milleiro de títulos, decidiu estrear tenda de cómics en formato dixital.
Esta nova plataforma de distribución dixital optou por ofrecer os cómics en formato PDF, o que permítelles comercializar as súas obras afastados das grandes intermediarias do comercio electrónico, o que permite reducir considerablemente o prezo de venda e que o autor sexa o maior beneficiario das descargas das súas obras.
Outro detalle curioso do formato descargable elixido é que Astiberri fuxiu de complicados sistemas de xestión de dereitos de autor, optando polo que chaman DRM social, que consiste en que cada descarga inclúe o nome do comprador, ao que recoñece como propietario e permítelle descargar e almacenar os cómics descargados sen impedimentos en calquera dispositivo, o que resulta moi práctico á hora de querer ler as obras en tabletas, ordenadores, lectores de libro electrónico… sen ter que loitar con complicadas configuracións e múltiples aplicacións.
Cómpre destacar que dentro do catálogo dixital de Astiberri, que polo momento limítase a pouco máis de medio cento de obras, figuran obras como El Héroe 1 e El Héroe 2 de David Rubín, El Hematocrítico de Arte de Miguel López, ou Psiconautas de Alberto Vázquez, autores galegos que conseguen deste xeito unha mellor distribución das súas creacións a un prezo que vén a ser aproximadamente a terceira parte do prezo da edición física.
Astiberri estrea tenda de cómics en formato dixital
Compartir Este Artigo
