Tras unha longa traxectoria cunha boa percepción por parte do público, un estudo da Asociación Pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES) sobre a atención ao cliente e a asistencia técnica dos operadores de telecomunicacións avala un suspenso por parte de R, compañía que iría na liña do resto de operadoras, que de xeito xeral estarían a acusar unha caída na calidade da atención ao cliente, que no caso de compañías como Orange e Jazztel sería especialmente acusada, chegando a unhas notas cualificada spor ADECES como “extremadamente baixas”.
Na valoración global da atención ao cliente o VIII Estudo de Atención ao Cliente dos Operadores de Telecomunicacións outorga unha puntuación de 6,13 sobre 10 a Movistar, operador que confirma o liderado neste aspecto, seguido por Ono (5,40), Telecable (5,38) e Euskaltel (5,14), mentres suspenden Vodafone (4,97), R (4,96), Jazztel (4,36) e Orange (4,05).
Se entramos na valoración do Servizo de Atención Técnica (SAT) sorprenden as baixísimas notas de Orange (3,60) e Jazztel (3,94), volvendo a suspender R (4,94), mentres que Movistar e Ono volven ser as compañías con mellores puntuación (6,57 e 5,51 respectivamente). Un detalle a salientar é que Movistar é o único dos operadores analizados que envía un técnico a domicilio no 100% das incidencias pendentes, en contraste co ridículo 12,5% de Orange.
O Servizo de Atención Comercial (SAC) suspende na media dos operadores, volvendo a ser Movistar e Ono os que se salvan da queima cunhas puntuacións de 5,63 e 5,03 respectivamente, mentres que R sería a peor das oito compañías avaliadas cun 4,03. Neste aspecto sorprende ver como os peores operadores son Orange e R, que fan esperar aos seus clientes ao teléfono máis de 200 segundos, cando a media está en 60 segundos.
R tamén queda en mala situación con só un 49% de teleoperadores que se identifican completamente (mentres que os de Movistar e Telecable superan o 70%); e tamén alarma ver que sobre a información sobre o compromiso de permanencia a media caería ata o 49%, pero no caso de R sería un ridículo 4% (moi lonxe do seguinte operador, Orange, co 24%). Cómpre destacar que a información sobre penalizacións tamén é moi deficiente, cun tímido 54% de casos nos que informa Movistar, mentres que o resto non chegan nin a metade dos casos e, Vodafone, Telecable, Euskaltel e R non informarían nin unha soa vez segundo denuncia ADECES apoiándose en datos dun total de 1.332 chamadas.
R suspende en atención ao cliente e asistencia técnica segundo un estudo de ADECES
Compartir Este Artigo
