A finais de 2013 o Operador Móbil Virtual (OMV) máis popular de España, Pepephone, anunciou que estaba a ultimar o lanzamento dunha compañía eléctrica coa que compartiría filosofía, e aínda que non foron quen de chegar ao mercado en 2014, finalmente PepeEnergy verá a luz o vindeiro día 30, segundo veñen de confirmar nun comunicado.
Pepephone conseguiu destacar como OMV polo seu trato aos clientes, cunha grande transparencia e flexibilidade de tarifas, un trato sempre próximo, unha imaxe desenfadada e, especialmente, unha traxectoria que levaba aos seus usuarios a confiar no servizo recibido e na súa facturación, quedando tranquilos ante posibles cobros indebidos (demasiado habituais con outras compañías) e vendo como ante calquera incidencia recibían unha compensación de xeito automático.
A confianza que depositan os fieis clientes na compañía fai que a nova comercializadora eléctrica resulte prometedora, xa que é de esperar que moitos consumidores salten a brazos da nova compañía simplemente pola súa transparencia de prezos, que é un dos seus piares, xunto coa limpeza da enerxía (PepeEnergy comprará enerxía 100% verde).
O mercado da enerxía é moi complexo, pero dende a nova compañía quixeron facelo máis sinxelo de cara ao público, e venderán a electricidade a prezo de custo, engadindo 1 euros cada mes á factura para sufragar os gastos da compañía, o que para outra compañía non sería un modelo de negocio viable, pero dado que detrás de PepeEnergy está Pepephone, e continuará a mesma estratexia de comunicación e comercialización (sen grandes investimentos publicitarios e buscando sempre a máxima eficiencia), é moi posible que se converta nun novo referente para todos eses consumidores que desconfían das compañías eléctricas tradicionais e queira apostar por unha alternativa nacida dunha empresa con máis de 7 anos de boas prácticas no mundo da telefonía móbil.
Dende PepeEnergy confirman que entender unha factura da electricidade continúa a ser unha tarefa case imposible, e para facer posible a súa prometida transparencia, a empresa publicará todos os contratos relacionados co que o consumidor pagará pola enerxía, o que facilitará que calquera persoa cos coñecementos suficientes poda auditar a súas contas e denuncialos no caso de que a compañía non cumprise co prometido. Unha estratexia non carente de riscos, xa que non só os clientes coñecerán o funcionamento da compañía, senón que tamén o saberán os seus competidores, polo que esta iniciativa podemos vela principalmente como un experimento que, de saír mal, tampouco tería graves consecuencias, xa que a compañía só se encarga da comercialización da enerxía (e non da súa produción e distribución).
Dende Sabemos Digital detallas que o socio eléctrico de PepeEnergy será Enara, unha comercializadora especializada en enerxías verdes que será quen participe nas poxas para reservar parte da electricidade xerada. O medio dixital tamén explica que será posible que, en vez de engadir ao prezo 1 euros, se engada 1,25 euros, de xeito que os 25 céntimos adicionais irán a parar a un seguro colectivo para que se un cliente con contrato indefinido vai ao paro non teña que facerse cargo dos recibos da luz durante un ano enteiro, aínda que polo momento non hai comunicación oficial desta promoción.
Polo momento o servizo de venda de enerxía iría orientado aos clientes particulares de Pepephone (preto de medio millón) para facilitar un crecemento pausado deste proxecto empresarial que ten que medrar paseniño para poder cumprir coa normativa actual (que esixe importantes avais ás comercializadoras de electricidade).
Pepephone ofrecerá electricidade aos seus clientes a partires do día 30
Compartir Este Artigo
