Ao presentarse o iPad Pro salientouse o seu potencial como ferramenta de produtividade en boa medida por contar coa posibilidade de poder executar as aplicacións ofimáticas de referencia actualmente, a suite de Microsoft Office, pero na nota de prensa de Apple deixaban claro que estaban a falar de Office 365 e non das versións táctiles de balde das aplicacións de Microsoft, ou sexa, que para gozar do Office no iPad Pro será preciso ser subscritor de Office 365, o que supón un pagamento mensual ou anual a Microsoft (que tamén dá dereito a correr as aplicacións ofimáticas nun equipo informático e gozar de servizos adicionais como 1 TB de espazo en OneDrive).
De feito, dende varios temas están a apuntar que as condicións de uso das aplicacións de Office para Android e iOS deixan claro que Microsoft ten trazado unha liña no tamaño de pantalla para permitir a edición de documentos de balde en dispositivos móbiles, fixando a fronteira nas 10,1 polgadas, claramente superada polo iPad Pro, o que fai que Microsoft no vexa o dispositivo como móbil, senón que o consideraría igual que un ordenador portátil, polo que é preciso pagar para gozar do seu software no mesmo.
Enténdese que as aplicacións de Office si poderán instalarse de balde no iPad Pro para poder visualizar documentos e, posiblemente, para facer algunha edición básica, pero para gozar das aplicacións completas será preciso subscribirse a Office 365 (para o que incluso contarase con compras dentro da aplicación, aínda que pode resultar moito máis económico adquirir o servizo a través das numerosas promocións que poden atoparse fóra das canles oficiais en liña).
Para gozar do Office completo no iPad Pro haberá que subscribirse a Office 365
Compartir Este Artigo
