A segunda edición de Galicia Open Future xa vai vento en popa e hoxe colleu, por así dicilo, novos impulsos. De feito, o centro de crowdworking posto en marcha na Cidade da Cultura por Telefónica -en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA- recibiu este martes a visita oficial dos responsables das entidades que están a facer posible que preto de medio cento de iniciativas empresariais TIC (as 48 firmas que participan na segunda edición de Galicia Open Future, GOF) da nosa terra estean a fortalecerse con vistas converterse en empresas de éxito. No acto participaron Manuel Alonso (director de Telefónica en Galicia), Mar Pereira (directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA), Manuel Varela (da Axencia Galega de Innovación, GAIN) e Javier Aguilera (director do IGAPE). Na súa visita ao GOF amosaron a súa ilusión en que as empresas que tiran proveito dos recursos do centro de emprendendo leven os seus proxectos “o máis lonxe posible”. Logo dunhas palabras de ánimo aos emprendedores TIC, reuníronse con eles, un por un, para coñecer os detalles de cadansúas propostas.
Tanto antes como durante as súas conversas cos participantes na aceleradora de Telefónica, os representantes autonómicos e de Telefónica coincidiron en salientar o talento e a calidade dos 48 proxectos participantes, 20 da Coruña, 12 de Santiago, 7 de Vigo, 3 de Lugo, 3 de Ourense e outros 3 de Vilagarcía, Tui e norte de Portugal; proxectos que, como lembraremos, atópanse en diferentes fases de desenvolvemento (hainos que son propostas e no outro extremo hai xa algúns comercializándose). Ademais e malia contar cun substrato común (as TIC), os proxectos abranguen sectores diversos: a madeira, a saúde, o motor, a agricultura, etc. Este ano, segundo lembraron na visita os responsables autonómicos e de AMTEGA, hai un proxecto con orixe en Portugal, cuxa inclusión responde en parte á arela de impulsar a colaboración galego-lusa no eido do emprendemento.
Como dixemos, Galicia Open Future atópase arestora mergullada na súa segunda edición. Na primeira fase da mesma, os responsables dos proxectos elaborarán cadanseu plan de negocio. Para isto, recibirán asesoramento e adestramento dun completo elenco de especialistas procedentes de Telefónica e os seus centros de coworking e crowdworking, con amplos coñecementos en materias como a mercadotecnia, o comercio electrónico ou a busca de financiamento. Os emprendedores terán tamén ocasión de compartir experiencias con outros proxectos de todo o mundo involucrados no programa de innovación Open Future de Telefónica -no que se integra Galicia Open Future-, e que xunta novas empresas, investidores e entidades públicas e privadas de todo o mundo. Igualmente disporán dunha axuda de 2.000 euros achegada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). Isto polo que respecta á primeira fase.
Logo, na seguinte etapa do camiño, “unha vez evolucionados xa os proxectos”, un xurado de expertos seleccionará as tres mellores iniciativas da aceleradora (estas tres iniciativas recibirán un pulo de 25.000 euros da man de GAIN, amais de ter acceso a un empréstamo reembolsable de XesGalicia por un valor máximo de outros 25.000 euros) en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial.
As iniciativas que comezaron estes días as súas xeiras formativas en GOF, na Cidade da Cultura, son as seguintes: 123Fly, Aenea.org, Axenda Cloud BigData, Engade unha capa social á túa web en 1 só clic, Appersonalizar, Cogomelo Games, Conectacam, Dismedia, Dogoplay, Energyatyco, Gelecoair, Historiable – Historias que valen a pena, Opositatest.com, Phottic, Nos Juntamos, Real2Estafe, Versabotics, VIP Waiter, Humanas Saúde Organizacional, SMEV, Apparece, Bares Wave Rider Buoy, E-Monte, Insulclock, Lagunal, LexPrevia, MD IUS Innovation, Nubings, Prefapp, Proxecto Wimbag, SetPay, S-REC, Evernight, KITeKAR, Proxecto de Adrián Paramés González, Forginx, Rhinometrics, Smart Water, VoxelCraft, Keko Tukos, Muuusy, Nudoss.com, iBeeAgro, Autofarm, Meigalabs, Refly e Pekeagenda.com.
180 firmas presentadas
Segundo fixeron saber hoxe Telefónica e AMTEGA, para esta segunda edición de Galicia Open Future, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, presentáronse máis de 180 startups de toda Galicia e Portugal, cincuenta máis que na pasada edición, “cuxos proxectos experimentaron un forte afianzamento e abriron novas oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes e accedendo, algúns, a outros programas de aceleración, e resultando outros gañadores de premios nacionais como Singularity University ou Emprendedor XXI”.
As iniciativas da II Galicia Open Future amosan músculo perante a Xunta e Telefónica
Compartir Este Artigo
