Dentro da serie de eventos que o espazo de coworking WeKCo organiza para celebrar o seu terceiro aniversario, o xornalista e blogueiro Manolo Rodríguez impartirá un relatorio sobre As tendencias tecnolóxicas que veñen, para o que xa está aberta a súa inscrición de balde. Nesta actividade preténdese introducir aos asistentes nos usos que se poden dar ao big data ou á Internet das Cousas, así como a tendencias nas redes sociais e tecnoloxías que agora están a funcionar e as que se implantarán nun futuro próximo.
Manolo Rodríguez intentará explicar durante 45 minutos como fai a banda Iron Maiden para elixir o lugar dos seus concertos facendo uso do big data, dará conta de como fai a policía londiniense para predicir as rúas na que se van producir máis delitos e incluso comentará que hai inodoros que analizan os ouriños e cepillos de dentes que din onde temos sarrio e indica as zonas da boca que aínda non cepillamos. Tampouco deixará de lado as redes sociais do futuro, os usos que daremos a smartphones e wearables… para concluír a súa exposición cunha quenda de preguntas nas que os interesados en tecnoloxía que queiran acudir poderán clarexar as súas dúbidas.
As tendencias tecnolóxicas que están por chegar explicadas nunha xornada na Coruña
Compartir Este Artigo
